O PP de Noia solicita a información sobre o PXOM antes da súa aprobación provisional

    NOIA> O PP de Noia solicita a convocatoria da comisión de seguimento do PXOM así como a entrega da documentación relativa ó plan urbanístico. Esixen ademais que se someta a un proceso de exposición pública para coñecer o resultado da resolución das preto de dúas mil alegacións presentadas. O PP denuncia que os grupos da oposición non tiveron acceso ó plan xeral dende que o documento foi remitido pola Xunta de Galicia ó concello para a súa aprobación provisional. Por esta razón, instan ó executivo a convocar de xeito inmediato a comisión de seguimento do plan así como a entrega de toda a documentación relativa, incluída a estimación ou non das preto de dúas mil alegacións presentadas. Os populares insisten na necesidade de axilizar o proceso xa que, o pasado mes de xuño expirou a vixencia do período de suspensión de licenzas. A volta ás normas subsidiarias, din, crea inseguridade xurídica polo que é preciso darlle o pulo definitivo a este proceso iniciado hai xa tres lexislaturas. A pesar de que tódolos informes remitidos ata o momento son favorables, o documento aínda está pendente do visto bo de patrimonio e do informe de avaliación ambiental.