Presenza internacional no festival de música de Noia con ‘The Gift’

popinnoia_100_090807.jpgNOIA > POPINNO ou Pop In Noia é o nome do festival que porá a nota musical máis nova nas festas patronais de San Bartolomeu.

Rosendo, Fangoria, Josele Santiago e The Gift serán as estrelas que poñan a nota musical en Noia durante os días 23 e 24 de agosto. Traer a estes catro grupos a Noia supón invertir un orzamento de preto de cento vinte mil euros, dos cales a metade, aproximadamente, serán asumidos polo concello e a outra parte pola productora musical que os contrata, La Fábrica de Chocolate.

O concelleiro de Festexos noiés, Josema González, destacou dos catro grupos a presenza dos portugueses The Gift, cos que se pretende dar o primeiro paso para a internacionalización do festival.

Pola súa banda, o productor musical,Xaquín Martínez, quixo facer un agradecemento ós músicos e á súa boa disposición para vir a tocar a Noia, xa que ó ter que facerse con tanta premura, case tódalas datas estaban xa collidas, principalmente no caso de The Gift, que se atopan de xira mundial.

O productor musical fixo alusión tamén á boa sintonía entre os artistas do primeiro día do Pop in Noia, Rosendo e Josele Santiago, que xa teñen colaborado noutras ocasións e augura que tocarán algunha canción xuntos durante o concerto.

As entradas ó festival terán un prezo de doce euros, pero tamén haberá un bono para asistir os dous días do festival que custará dezaoito. Está previsto que se poñan á venda a vindeira semana, a través do portal web ticktackticket.com e na caseta de turismo da Alameda noiesa.

Nun principio sairán á rúa sobre unhas seis mil entradas por día de actuación. O cartel do Pop in Noia é un deseño do polifacético artista noiés Ricardo de Barreiro.

Redacción Barbanza