Deloa ofertará paquetes vacacionais para atraer turistas a Arousa Norte

    conveniodeloa_100_090807.jpgBARBANZA > Arousa Norte asinou un convenio coa Fundación Paideia, no marco do programa Deloa-Equal, para a promoción turistica da zona.

    Hai xa sete anos, que a Fundación Paideia vén colaborando coas administracións públicas nas comarcas do Barbanza e do Sar para o desenvolvemento económico, social e cultural dos seus concellos. A través do programa Deloa-Equal, financiado por fondos europeos, realizaronse unha serie de accións dirixidas ó desenvolvemento local, nas que o turismo tamén tivo un papel clave.

    Precisamente, o convenio asinado coa Mancomunidade Arousa Norte e a Agrupación Deloa ten por obxectivo a promoción conxunta dos innumerables recursos turísticos que presenta a comarca barbanzá, en busca de consolidar unha oferta de calidade e diversificada, capaz de atraer visitantes durante todo o ano.

    Paquetes vacacionais

    A fórmula elixida é o deseño de paquetes vacacionais con actividades alternativas e flexibles, que inclúan visitas guiadas a diversos puntos da comarca. Así mesmo, tentarase tamén explota-la proximidade do Barbanza coa capital galega, creando unha oferta complementaria do Camiño de Santiago.

    A pesar de que o acordo asinado refírese ós catro concellos de Arousa Norte, Ribeira, Pobra, Boiro e Rianxo, trátase dun programa aberto ó que poderán adherirse novos municipios nun futuro. A fundación ten postas grandes expectativas nestas iniciativas conxuntas polo que agarda darlle continuidade ó proxecto unha vez concluido o programa Equal o vindeiro ano.

    A colaboración entre a iniciativa privada e a pública fixo posible a inversión de máis de trece millóns de euros nas comarcas de Barbanza e Sar, nos últimos sete anos, dentro do proxecto Deloa. Ós importantes logros sociais, culturais e económicos hai que engadir agora o forte empuxe que se lle está a dar ó sector turístico, que aínda ten moito por explotar na comunidade galega.

    Redacción Barbanza