Protesta veciñal en Rianxo polo peche dun camiño que dá acceso ó porto

    pecheportorianxo_100_140807.jpgRIANXO > Veciños do Castelo denuncian o peche dun camiño de acceso ó porto por parte da empresa responsable dunha urbanización na zona.

    Os afectados reuníronse co responsable territorial de Portos de Galicia para tentar solucionar o problema que ocasionou o peche do camiño por parte dunha empresa promotora que está a construir unha nova urbanización. Os veciños aseguran que levan usando esta vía para acceder ó porto rianxeiro toda a vida e que non é xusto que agora a corten.

    Os veciños ven nesta acción intereses urbanísticos que van en detrimento do conxunto do pobo, xa que este camiño non só o usan os residentes nesta zona, senón que lle da servizo a tódolos veciños de Rianxo que van ó peirao.

    Agora os veciños solicitaron ó representante de Portos que pida ó presidente da entidade que veña a coñecer de primeira man o problema, para tentar poñerlle solución e atopar unha vía que satisfaga a tódalas partes.

    Peche temporal

    A tenente de alcalde do concello de Rianxo, Sonia Castaño, asegura que o tema do peche deste camiño está paralizado polo de agora e pendente dunha reunión do alcalde de Rianxo co presidente de Portos de Galicia para a súa solución.

    Pola súa banda, un representante da empresa Cordman Construcciones, promotora das obras da urbanización, que eludiu facer declaracións ante as nosas cámaras, manifestou que a súa empresa non está dacordo co peche do camiño, que foi unha orde de Portos e que eles mesmos son uns dos primeiros perxudicados co seu peche.

    Cordman só ten pensado pechar o camiño mentres que duren as obras, pola seguridade dos propios viandantes. Ademais a vía de paso entra dentro da súa propiedade, que chega ata o muro, segundo eles nos indican, pero cando rematen as obras chegaron a un acordo para ceder este camiño, totalmente urbanizado, con pasos de peóns e iluminación.

    Redacción Barbanza