Seis detidos tras desartellar un laboratorio de drogas en Meis

PONTEVEDRA> Novo golpe ao tráfico de drogas na provincia de Pontevedra.  A Policía Nacional detivo seis persoas no marco da Operación Aceifa, ao desartellar un laboratorio de preparación de droga nunha vivenda de Mosteiro, no concello de Meis. Na intervención, os axentes incautaronse de importantes cantidades de diferentes substancias. Entre elas, case un quilo de crack, unha droga pouco frecuente en Galicia.

Máis de 110 quilos de cogollos de marihuana, dous quilos de haxix, quilo e medio de heroína, a mesma contía de cocaína, e preto dun quilo de crack. Este é o importante alixo do que se incautou a Policía Nacional no marco da Operación Aceifa.

A intervención do pasado 4 de xuño permitiu desartellar un laboratorio de preparación de drogas nunha vivenda de Mosteiro, no concello de Meis. Tamén detiveron seis persoas, cinco pontevedreses e unha de orixe húngara.

Dende a Policía Nacional destacan a importancia deste operativo. Sobre todo por evitar a chegada ao mercado do crack, unha substancia pouco frecuente en Galicia e moi aditiva.

Tamén destacan a gran rendibilidade económica que a organización conseguiría coa venda de toda a droga incautada. Tan só coa venda da marihuana poderían gañar uns 165.000 euros.

A operación está a ser dirixida polo Xulgado de Primeira Instancia e Instru ción número 2 de Cambados. As pesquisas seguen abertas, polo que non se descarta que se produzan novas detencións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí