Tropa Verde renova por un ano máis en Vilagarcía

VILAGARCÍA> Tropa Verde seguirá un ano máis en Vilagarcía. Os bos resultados da xestión residual fan que o concello de Vilagarcía renove un ano máis ca empresa responsable do servizo. O proxecto centrarase este ano na educación ambiental nos centros escolares.

O Concello de Vilagarcía segue apostando por mellorar a xestión dos residuos e renova un ano máis con Teimas Desenvolvemento. En común lanzaron o proxecto Tropa Verde co que, segundo o Concelleiro de Medio Ambiente, se conseguiron uns datos moi positivos de reciclaxe. Con este plan búscase implicar a cidadanía na responsabilidade de separar os residuos.

Tropa Verde xa supera os 600 usuarios, para alcanzar este éxito leváronse a cabo diferentes accións nas rúas, como a de dar agasallos en diferentes festas ou eventos deportivos. Tamén se gañaron seguidores regalando cheques no punto limpo, para logo poder trocar con diferentes premios ou recompensas, e sorteando entradas a espectáculos dende o Concello. Este ano continuarase con estas accións pero centrándose na educación ambiental cos máis mozos.

As charlas dividiranse en varias partes: darase a coñecer que é a Tropa Verde e a importancia da reciclaxe, pero sobre todo farase fincapé na importancia da prevención dos residuos. A primeira charla terá lugar o vindeiro día 15 no centro de educación especial de Vilagarcía.