Ribeira mergúllase no seu pasado

    feiraartesaniaribeira_100_200807.jpgRIBEIRA > A capital barbanzá converteuse esta fin de semana no destino de miles de visitantes para participar na feira de artesanía.

    Durante toda a fin de semana, o concello de Ribeira retrocedeu ata o medievo para acoller a primeira edición da feira ‘Ribeira artesanal’. Un total de 36 postos converteron as rúas máis céntricas da localidade nun auténtico mercadiño no que se podía atopar case de todo, dende produtos gastronómicos, xabóns, decoración e todo tipo de abalorios. Os comerciantes chegados de diversos puntos de Galicia e España fixeorn o seu particular agosto nesta feira, que xa dende esta primeira edición, vai camiño de consolidarse como cita obrigada do calendario estival ribeirés.

    Éxito de visitantes

    Ademais da Concellería de Cultura e Festexos, participaron na organización do evento diversas asociacións de artesáns de toda España e a organización ‘Fidalgo, Mercados Temáticos’. En total estiman que preto de 50 mil persoas se achegaron ata a feira para adquirir algún dos produtos á venda ou simplemente para participar do ambiente festivo que se respiraba na cidade, posto que se realizaron diversos espectáculos de animación . Os máis cativos tamén tiveron ocasión de participar en obradoiros de pintura, alfarería, pan ou instrumentos tradicionais. Tras esta existosa primeira edición, a intención do concello é seguir coa celebración deste evento mellorando a calidade, ornamentación e animación da feira, así como incrementando o número de postos e a variedade dos artigos á venda.

    Redacción Barbanza