POBRA > O concelleiro de Cultura da Pobra do Caramiñal informou do acordo acadado polo Museo Valle-Inclán co Real Patronato de Toledo e co Museo Victorio Macho que posibilitará a execución dunha réplica en bronce dun retrato de Valle-Inclán. A peza, que está a ser executada polo escultor Gonzalo Sánchez Mendizábal, podería estar no museo pobrés a finais deste mes de febreiro.
O concello da Pobra do Caramiñal vén de realizar varias adqusicións para os fondos do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. Sen dúbida a máis importante, unha réplica en bronce dun retrato do escritor realizado polo escultor Victorio Macho a principios do século XX, é posible grazas ó acordo ó que chegou ó executivo pobrés co Real Patronato de Toledo e co propio Museo Victorio Macho.
A réplica, que será realizado polo escultor Gonzalo Sánchez Mendizábal, autor da muller mariñeira ou da estatua de Valle-Inclán que preside a Praza do Cantón da Leña, podería estar no museo pobrés a finais deste mes de febreiro ou principios de marzo.
Os gastos que se derivan desta adquisición, que foi posible despois de varios meses de negociación, ascenden ó redor dos tres mil euros, que serán sufragados na súa totalidade polo concello pobrés dentro do seu empeño de ir incrementando os fondos do museo. Ademais desta peza o concello tamén adquiriu dous debuxos a lápis de Valle-Inclán realizados por Xulio Maside e que son dun gran valor artístico.
Redacción Barbanza