Un ano sen Diana

    RIBEIRA> Un ano despois, a desaparición de Diana Quer segue a ser todo un enigma. A pesar dos inxentes esforzos levados a cabo polos investigadores, non hai nin unha soa pista concluínte que lles permita sequera descartar algunha hipótese. Ante a ausencia de probas, o caso permanece arquivado temporalmente. A reconstrución dos últimos pasos dados por Diana no mesmo escenario pero un ano despois levada a cabo pola Garda Civil busca arroxar luz sobre o que lle puido acontecer á moza cando volvía dende a festa no centro do pobo á súa vivenda situada no alto de Cabío. Nestes días os axentes buscaron información entre os feirantes, veciños ou visitantes que puideran atoparse na zona o pasado ano. Estes testemuños, á marxe de axudar a compoñer unha radiografía máis completa do escenario da desaparición, están lonxa aínda de aportar algún dato relevante do que lle puido acontecer a Diana. En ausencia de pistas, a hipótese máis posible segue a ser a desaparición forzosa. Precisamente, a falla de información de interese supuxo un duro golpe no seo da investigación que confiaba en que o desbloqueo do móbil encauzaría a investigación cara un rumbo concreto e motivaría a reapertura do caso, sobreseído temporalmente. As esperanzas tamén se van esvaecendo no núcleo familiar de Diana. Mentres que a nai, Diana López-Pinel, aférrase á idea de que a súa filla segue con vida, o pai, Juan Carlos Quer afronta o desenlace do caso de xeito máis pesimista. A pesar de que dubida de poder recuperar á súa filla, insiste en que a investigación continúe e non se esqueza o caso para que os responsables da desaparición de Diana paguen polos seus feitos.