Os lodos da Torre poñen en perigo a campaña marisqueira do próximo ano

    limpezalodostorre_100_210807.jpgRIANXO > Dende que comezaran os traballos de limpeza dos lodos na praia da Torre, xa se levan extraídas preto de 40 mil toneladas de residuos.

    Hai semanas que as excavadoras traballan na praia da Torre para retirar os restos de cinza e lodos chegados ata o areal por mor das riadas do pasado inverno. Na actualidade, xa se extraeron máis de corenta mil toneladas aínda que dende a confraría estiman que queda outro tanto por sacar na parte máis fonda do areal.

    A chegada dos restos á costa provocou importantes danos nos bancos existentes neste areal, que na actualidade atópase totalmente improdutivo. O patrón maior rianxeiro, Baltasar Rodríguez, responsabiliza á Consellería de Pesca do retraso no inicio dos traballos, dado que rexeitou a partida que Costas tiña consignada para a limpeza da Torre.

    Á espera de coñecer o total das perdas ocasionadas nestas concesións, a confraría considera prioritaria a rexeneración do areal. O patrón maior estima que se tardarán preto de tres anos en recupera-la súa produtividade.

    Os mariscadores rianxeiros non solicitan compensacións senón simplemente que lles volvan deixa-la praia tal e como estaba. Ademais, poñen a disposición da administración autonómica unha partida de 240 mil euros que tiñan consignada para a rexeneración do areal e cultivo de cría, para ser investida na retirada dos lodos, tarefa que consideran prioritaria.

    Redacción Barbanza