Rosa Quintana asistirá á inauguración do matadoiro

    POBRA> A pesar de que xa leva traballando nas instalacións dende hai varios meses, principalmente na dotación de nova maquinaria, a empresa Distribuciones Josoni, encargada da xestión do matadoiro mancomunado do Barbanza, situado no polígono industrial de Xarás, en Ribeira, procederá mañá sábado, ás doce, á súa inauguración oficial. Ó acto inaugural está prevista a asistencia de numerosas autoridades, entre elas, a conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, así como tamén alcaldes e membros das distintas corporacións da comarca. A intención da empresa pasa fundamentalmente porque o matadoiro, cun investimento de máis de 600 mil euros, comece a funcionar nun primeiro momento con dez traballadores, coa previsión de ir incrementando a plantilla a medida que a actividade se vaia consolidando e se incorporen máis melloras nas instalacións, como é o caso das novas cámaras de frío, unha sala de elaborado de gando vacún e outra de despece.