![]()
RIBEIRA > A corporación ribeiresa celebrou un pleno extraordinario para a aprobación das alegacións ó Plan Sectorial de Acuicultura de Galicia.
O documento aprobado esta mañá pola corporación ribeiresa recolle as alegacións presentadas ó Plan Sectorial de Acuicultura de Galicia, deseñado pola Consellería de Pesca. Este proxecto contempla a implantación de dúas macropiscifactorías dentro do concello de Ribeira: unha planta de 308 mil metros cadrados na Punta Laxe Brava, en Corrubedo, e a ampliación en 55 mil metros cadrados da factoría xa existente en Couso, Aguiño.
Gran impacto ambiental
Nas alegacións formuladas polo executivo local recóllese a oposición a estes proxectos polo seu gran de impacto ambiental e socioeconómico e polo escaso beneficio que as novas empresas terán sobre o desenvolvemento económico local. O documento fai referencia tamén ó importante número de propietarios afectados que verán expropiados os seus terreos para a construción destes proxecto que, aínda que considerados de interese público, para o concello non son tal.
Abstención do PSOE
As alegacións saíron adiante cos votos favorables do PP, BNG e IpdeR. O PSOE optou pola abstención posto que, aínda que comparte co resto dos grupos a oposición ó Plan Acuícola, difire dos criterios barallados para o deseño das alegacións. Ante a falla de unanimidade, a voceira nacionalista, Dominga Brión, plantexou a posibilidade de facer un receso para chegar a acordo e poder aproba-lo documento co apoio de tódolos grupos. A pesar do ofrecemento, o voceiro socialista desbotou a proposta e mantivo a postura do seu grupo que presentará alegacións de xeito independente.
Redacción Barbanza










