O traxe tradicional volverá percorrer as rúas de Ribeira no Día de Santa Uxía

RIBEIRA> As festas de Santa Uxía volverán reivindicar a tradición coa sexta edición da Ruada do Traxe Aires de Dorna que promove a asociación de Amas de Casa de Ribeira. Unhas 200 persoas participarán no desfile e posterior festival que terá lugar este sábado.

O traxe tradicional galego volverá percorrer as rúas de Ribeira grazas á implicación das Amas de Casa e o concello de Ribeira en colaboración con Gadis. A sexta edición da Ruada Aires de Dorna reunirá a máis de 200 persoas que vestirán diversos modelos de traxe dende vestimentas de cotío ata de gala.

Aínda que tamén participan persoas con traxes das súas coleccións privadas, a maior parte das vestimentas que sairán á rúa foron confeccionados por socias das amas de casa.

O pasarrúas partirá da carpa municipal ás seis e media da tarde do sábado. Tras percorrer o centro urbano concluirá no auditorio municipal onde actuarán varios grupos de música e baile tradicional e se instalará unha ducia de postos de artesáns locais.