Shaila Dúrcal encandila a un público que desafiou á chuvia

    shailadurcal_100_270807__still_001.jpgSANXENXO > Tras unha intensa fin de semana, estes días os actos reláxanse para volver a vindeira semana con máis forza.

    As actividades organizadas nos últimos días caracterizáronse pola masiva afluencia de xente, especialmente a festa do turista onde se rexistraron colas interminables para degusta-las sardiñas asadas. Pero tamén a misa solemne en honor a San Xenxo e a posterior procesión reuniu a un bo número de veciños e turistas que quixeron participar nos actos relixiosos destas festas.

    O sábado pola tarde tivo lugar a cerimonia na que cantaron membros da coral Polifónica Santa María de Adina e que foi seguida de preto por varios membros do goberno local, entre eles a alcaldesa, Catalina González, quen despois presidiría a procesión polas rúas centrais da vila. Unha procesión que foi seguida tamén por centos de persoas que xa pola noite cambiaron o fervor pola diversión e acudiron ó concerto de Shaila Dúrcal.

    A pesares da chuvia, a artista decidiu saír ó escenario da Praza do Mar e deleitar ós presentes coa súa música cargada de sentimento e de referencias á súa nai, a quen recordou en múltiples ocasións. Shaila Dúrcal presumiu de voz, unha herencia que lle permitiu facer versións de gran calidade de temas da súa nai e incluso de cancións tan coñecidas como como ‘Vivir así es morir de amor’, de Camilo Sexto ou ‘Penélope’ de Serrat.

    O programa de festas continúa hoxe, luns, co ciclo ‘esenciais do cine’, que nesta primeira edición está adicado a Woody Allen. Ás 22:30 h. proxectarase na Praza do Pazo a película Bananas e mañá á mesma hora pechará o ciclo ‘Sueños de un seductor’.

    Redacción Salnés