A Xunta apoia ós emigrantes retornados con axudas ó emprendemento

RIBEIRA> O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá en Ribeira a empresa Arlequina Deseño. Un negocio rexentado por María Goretti Bello, unha galega retornada.  A posta en marcha desta iniciativa empresarial foi posible grazas á liña de axudas da Xunta ó Retorno Emprendedor, da que se beneficiou cunha achega duns 8 mil euros.

En maio do pasado ano, Arlequina Deseño abría as súas portas en Ribeira. María Goretti Bello fundaba este estudo de artesanía en vidro cumprindo así co soño de dedicarse plenamente á arte despois de décadas traballando como directora de proxectos no eido tecnolóxico. O apoio da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Emigración, permitiulle non só abrir o seu negocio senón retornar á súa terra. E é que a pesar de que naceu en Australia, os seus pais eran naturais de Ribeira, pobo co que sempre mantivo un forte vínculo.

Dende a Xunta puxeron como exemplo a María Goretti para aqueles retornados que estean pensando en emprender posto que poden optar a axudas de ata dez mil euros.

O alcalde de Ribeira reafirmou o seu compromiso con esta emprendedora plantexando mesmo a posibilidade de incluír a especialidade de artesanía en vidro nos obradoiros da emprego que solicita anualmente á Xunta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí