![]()
PONTEVEDRA > O PSOE non quere entrar no debate xerado coa proposta de Telmo Martín de construír un novo hospital en Pontevedra…
… Hoxe pechou filas en torno á Consellería de Sanidade e ó proxecto do Hospital Único. E en canto á plataforma cidadá que se está a constituír, o coordinador provincial do PSOE en Pontevedra, Modesto Pose, dilles ‘que non se fíen en absoluto e que faga oídos xordos ós cantos de serea de Telmo Martín’.
Para o PSOE non ten caso que os populares falen agora dun novo hospital, en vez de facelo antes de teren gastado 50 millóns de euros nas actuais instalacións do CHOP. ‘Daquela (nos anos 90) tería sentido o debate, antes de investir 50 millóns de euros, pero non o quixeron e consolidaron os dous hospitais e falaron de ampliación, non de unificación’, lembrou Pose.
O coordinador provincial do PSOE lembra que o PP está a falar de facer un hospital no aire, e polo tanto, tampouco sería suficiente investir a mesma cantidade prevista pola Consellería nese novo proxecto, como sinalou hai uns días o popular Telmo Martín. Segundo calcula Pose, iso non se podería facer por menos de 200 millóns de euros.
Os socialistas defenden a construcción do hospital único que, segundo auguran, podería estar en construcción no segundo semestre de 2008. En canto remate a exposición pública do Plan Sectorial de Incidencias Supramunicipais será aprobado polo Consello da Xunta. O PSOE indica que cubrirá as necesidades da súa área asistencial, pero aínda así proporán que na revisión do PXOM de Pontevedra se cualifique como equipamento sanitario os terreos da parte de atrás de Montecelo.
Os socialistas pídenlle á plataforma recen constituída en favor do novo hospital primeiro unha chamada á responsabilidade e segundo facendo referencia ó refrán ‘Zapatero a tus zapatos’, que lle deixen o asunto ós entendidos.
Redacción Salnés










