NOIA> Acompañadas de membros do BNG a nivel local e comarcal, a voceira nacional, Ana Pontón, e a cabeza de lista da formación ás eleccións europeas, Ana Miranda, participaron esta mañá no porto de Testal, en Noia, nun acto de campaña de cara ós comicios ó Parlamento Europeo do vindeiro domingo 9 de xuño.
A elección do peirao noiés non foi ó chou.
Os nacionalistas quixeron facer un chisco ó sector do mar, e máis concretamente ós mariscadores da comarca noiesa, que están a pasar nestes momentos por graves dificultades económicas debido á baixa produtividade.
De aí que incidiran na importancia destas eleccións, e poder acadar unha voz galega en Europa para defender do mellor xeito os intereses dos galegos como se veu facendo ó longo destes anos.
Posteriormente a comitiva nacionalista continuou cos actos de campaña na vila noiesa coa tradicional pegada de carteis por diferentes zonas do Concello na que tamén tomou parte a candidata Ana Miranda.