![]()
VILAGARCÍA > A alcaldesa, Dolores García, asinou hoxe as actas de ocupación de Cortegada ó tempo que se entregou o cheque por valor de 1,8 millóns euros ós ata agora propietarios da illa. Anque o paso non é definitivo, xa que a inmobiliaria podería recorrer xudialmente o proceso, dende o concello confían en que éste sexa o final dun longo e difícil camiño.
Despois de cen anos, a illa de Cortegada volverá a ser de titularidade pública. Un funcionario da Xunta desprazouse esta mañá ata a casa consistorial de Vilagarcía cun cheque valorado en 1.800.000 euros para entregarllo á propitaria do terreo, a inmobiliaria ‘Cortegada S.A.’.
Anque finalmente ningún membro da mesma se achegou a recollelo. A alcaldesa sospeita que a ausencia podería deberse ó desacordo co prezo fixado. A inmobiliaria podería acudir a un contencioso, anque dende o Concello confían en que o proceso remate aquí ou que, en caso de iniciarse a vía xurídica, a xustiza ratifique o proceso seguido ata o momento.
Aínda así, o acto de hoxe representa un día importantísimo para o pobo vilagarcián, tal como resaltou en varias ocasións a rexedora, quen recordou que o seu pai foi un dos máis firmes defensores da devolución de Cortegada. Foi un dos impulsores dunha demanda contra o rey interposta en 1980, e tivo moitos problemas por iso, xa que ‘1980 non é o ano 2007’ como recordou Dolores García. Había moitos
intereses para construír e as críticas e esta medida foi moi cuestionada dende algúns sectores. Por iso esta data ten un especial significado para ela e para tódolos que loitaron pola devolución da illa ó pobo.
Celebracións o domingo
As celebracións por este traspaso serán o domingo en presencia do presidente da Xunta e do conselleiro de Medio Ambiente. Ambos participarán nunha entrega de medallas ós que loitaron pola devolución de Cortegada, e visitarán a illa. Algo que moi pronto poderemos facer tódolos cidadáns, xa que a intención da administración é abrir Cortegada e organizar unha serie de visitas controladas que non afecten á riqueza natural da illa.
Redacción Salnés







