Guerra confirma, sen data, o traslado da subestación de Vilalonga

    subestacion100.jpgSANXENXO> O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, reafirmou onte no pleno do Parlamento galego o compromiso adquirido …

    … esta semana cos veciños de Vilalonga para diminuír de xeito progresivo o impacto da subestación eléctrica.

    En resposta a unha pregunta do BNG, Guerra explicou que as actuacións nesta infraestrutura están orientadas a medio e longo prazo. O conselleiro indicou que en canto se atope operativa a subestación do parque empresarial de Nantes se irá desprazando paulatinamente a carga da subestación de Vilalonga. Segundo sinalou, comezarase con tres liñas de tensión que dan subministro a Sanxenxo. O obxectivo é reducir ó mínimo o impacto actual da subestación ata deixala cun aspecto semellante a unha caseta de obra blindada.

    O deputado nacionalista Bieito Lobeira solicitou o traslado da subestación, avalado por máis de 1500 sinaturas recollidas entre a veciñanza de Vilalonga para denunciar os problemas de saúde, impacto ambiental e económicos derivados desta subestación. Algo que negou o conselleiro, indicando que a poboación non corre ningún risco derivado dos campos electromagnéticos da actual subestación, xa que estes non acadan por moito os niveis establecidos pola Unión Europea.

    O conselleiro tamén reafirmou o compromiso de comezar de inmediato o soterramento das liñas de alta tensión dunha torreta que hai fronte a esta subestación e, a medio prazo, das liñas de alta tensión que veñen de Poio e Cambados. O BNG lamentou que Industria non asumise prazos para este traslado.

    Redacción Salnés