Primeiro gran revés para o bipartito vilagarcián

    VILAGARCÍA > Tal como se esperaba, as dedicacións do goberno vilagarcián non conseguiron o apoio do pleno, polo que de momento os concellais non teñen asignación. Cumprindo o guion previsto, Esquerda Unida uniuse a PP e IVIL no seu voto en contra, o que foi duramente criticado polo bipartito, que lle botou en cara ó esquerdista non te-la valentía suficiente para gobernar e para impedi-lo ascenso da dereita en Vilagarcía.

    O debate sobre as dedicacións comezou incluso antes de chegar a este punto, xa que o PP pretendía debatelo conxuntamente co adicado ás asignacións dos grupos e indemnizacións. Finalmente non foi así, xa que Esquerda Unida sí votou a favor das asignacións e en contra do resto, polo que cada grupo municipal cobrará 800 euros ó mes máis 200 por cada edil electo, mentres que os concelleiros recibirán 125 euros por asistencia a plenos, comisións e xuntas. Este punto foi aprobado grazas ó voto de calidade da alcaldesa.

    O que non se puido aprobar foron as dedicacións, xa que Esquerda Unida votou en contra a pesares de que, segundo o voceiro socialista, a súa proposta só difería en 1.762 euros da do goberno. Nin o bipartito quixo rebaixa-la cifra nin Esquerda Unida acepta-la proposta do goberno local baseándose en que resultaba excesiva e creaba dependencias como as que tanto veñen criticando no PP, e acusou a Tomás Fole de ‘vivir da política’ e de ‘conseguir grazas ó seu padriño o que non conseguiu esta vez da corporación’, en clara referencia a que este ano non hai concelleiros liberados na oposición.

    Precisamente ésta foi unha das críticas do PP que volveu a culpar diso á ‘vinganza política’ á que se están vendo sometidos por parte do goberno local tras denuncia-lo ‘caso León’. O voceiro do BNG, Castro Ratón, reprochoulle ó PP criticar sen ter unha alternativa. Anque foi máis duro con EU, ós que acusou de non gobernar ‘por comodidade’ e de permiti-lo ascenso da dereita co seu voto en contra.

    Presupostos

    O que sí se puido aprobar foron os presupostos, grazas á abstención de IVIL e do PP. O bipartito aceptou as condicións destes grupos e puido así sacar adiante un documento que Esquerda Unida criticou por ser unha ‘herdanza do anterior goberno vilagarcián’ e porque non está servindo ós intereses dos veciños, xa que os servizos municipais ‘non están á altura’.

    Tamén cuestionou o nivel de endebedamento do Concello, algo que compartiu o voceiro do PSOE, Marcelino Abuín, pero negando que iso vaia a afectar ó futuro do municipio. Segundo éste, cada cidadán paga 470 euros e recibe 710 en servizos. IVIL amosou a súa preocupación polo emprego precario que existe no concello, anque aprobou as contas ó aceptar o bipartito a súa enmenda.

    Quen xerou o maior debate foi o PP, que impuxo tres condicións para absterse e permiti-la aprobación dos orzamentos. Que se inclúa o Catálogo de Persoal no vindeiro exercizo, unha aposta clara por un modelo consensuado con tódolos grupos e que ‘o PSOE abandone a posición de vinganza e illamento co PP’. O voceiro do PSOE amosábase reticente a acepta-la proposta polo que foi preciso un receso no pleno, tralo cal o goberno se comprometeu a cumpri-las peticións do PP conseguindo aproba-los presupostos municipais.

    Redaccións Salnés