NOIA> Un total de 60 establecementos comerciais da vila participarán este ano na campaña ‘Noia, preto de ti’ de Noia Histórica coa que se busca fomentar as vendas no comercio da localidade.
Para agradecer a fidelidade dos clientes, a patronal noiesa realizará un sorteo de quince vales de compra de 200 euros.
Ademais do sorteo, a campaña contará tamén con outros atractivos, na que se inclúe a decoración e animación das rúas, un concurso de escaparates, tren infantil, a visita de Papá Noel e como novidade este ano o conto teatralizado ‘O Reino de Noia’ polas rúas da vila a cargo do artista local Serafín Marcos .
Dende o Concello, que colabora coa campaña, fan unha chamada a visitar a vila e realizar as súas compras de Nadal no comercio local.