Congalsa cumpre 25 anos como líder do sector en Galicia

    POBRA> O presidente da Xunta participou no acto de celebración do vinte e cinco aniversario de Congalsa na Pobra. Alberto Núñez Feijoo destacou a aposta desta empresa pola calidade e a innovación que xa a ten situado á cabeza da industria de procesado de peixe e marisco de toda Galicia. As cifras falan por si soas. Congalsa produce vinte e seis toneladas de produto ó ano o que supón máis da metade da produción de precociñados de toda España. Factura sesenta e dous millóns de euros e dá emprego estable a máis de trescentos traballadores. A clave deste éxito residen na combinación de calidade, innovación e eficiencia, tal e como destacou o presidente da Xunta no acto de celebración do vinte e cinco aniversario da empresa. Dende que o empresario Luís Simarro puxera en marcha este proxecto, son moitos os retos e obstáculos atopados tanto por el como polos seus fillos e sucesores á empresa, para chegar a converter a Congalsa no que é hoxe en día. Agora, botando a vista atrás poden presumir con orgullo de cumprir un cuarto de século coa vista posta no futuro. Ademais da importancia empresarial de Congalsa como primeira firma do sector e peza estratéxica da economía da comarca, cabe destacar o seu compromiso social a través de numerosos proxectos e iniciativas de colaboración. Esta liña, unida á innovación constante e ó incremento do seu potencial exportador, con presenza en catro continentes, seguirá a marcar o futuro da compañía que aspira a cumprir moitos anos máis.