NOIA> A Asociación de Veciños da Virxe do Carme da Rasa denuncia presuntas irregularidades nas obras acometidas no tanatorio de Noia. Opóñense á intención da empresa de adaptar un crematorio nas instalacións polo que recorreron á vía xudicial.
En 2014, a empresa Fernández e Collazo obtiña a licenza para a construción dun tanatorio na Rasa, en Noia. Daquela, os veciños non se opuxeron a esta instalación ata que a finais de 2019 a empresa solicitaba a adaptación dun crematorio no soto. A asociación de veciños Virxe do Carme da Rasa dirixiuse entón en reiteradas ocasións ó concello quen, tras realizar unha inspección sobre o terreo, constatou a existencia de obras que carecían da pertinente autorización polo que iniciou un expediente de reposición da legalidade urbanística.
Con anterioridade á presentación deste recurso no que os veciños reclaman non só a demolición de máis parte da acordada senón tamén a paralización da actividade, a empresa responsable do tanatorio iniciou tamén un procedemento pola vía contencioso-administrativa. Presentaron un recurso contra a denegación da licenza de crematorio que foi desestimado polo Contencioso da Coruña e, en segunda instancia, polo TSXG.
En paralelo ó procedemento administrativo, os veciños decidiron recorrer á vía penal denunciando un presunto delito de prevaricación que instrúe o Xulgado de Noia.
Pola súa banda, dende o concello explican que se realizaron tódolos trámites administrativos correspondentes para a reposición da legalidade e que, unha vez, aberto o procedemento penal agardarán á resolución xudicial para actuar en consecuencia.