Arousa Norte integrará ós axentes turísticos nunha comisión de traballo

    BARBANZA > Arousa Norte celebrou un pleno para aprobar a creación dunha comisión de traballo na que se integren os edís de turismo dos catro municipios, coa meta de conseguir unha maior fluidez as accións turísticas a realizar.

    A intención da mancomunidade é que nestas comisións de traballo se integren outros axentes sociais relacionados co turismo, como poden ser os técnicos de turismo dos concellos, os técnicos dos museos e representantes do sector empresarial turístico.

    Deste xeito todos os axentes relacionados co desenvolvemento turístico estarán implicados nas accións que se leven a cabo neste eido e poderán ser melloradas coas súas aportacións. Os alcaldes tamén se amosaron dacordo con esta petición.

    Homologación rutas turísticas

    Noutro dos puntos do pleno deuse conta do estado no que se atopan as rutas de sendeirismo da mancomunidade. As rutas van ser obxecto dunha nova inspección pola súa homologación e deben atoparse no bo estado da primeira vez. A semana pasada as animadoras turísticas do ente supramunicipal comprobaron o estado da ruta da Pobra.

    Agora queda pendente comprobar o aspecto que presenta a ruta de Boiro, que ademais vai ser obxecto, no tramo de Goiáns, dunha rehabilitación na ruta dos muiños.

    O pleno da mancomunidade decidiu solicitar sendas subvencións ás consellerías de Medio Rural e Medio Ambiente para a rehabilitación das rutas de sendeirismo e agora mesmo están á espera da concesión doutra subvención da Deputación da Coruña para este fin.

    Redacción Barbanza