Noia reduce o gasto do goberno á metade ó aforrar o soldo do alcalde

    NOIA> A corporación noiesa celebrou o pleno de organización para proceder á composición do goberno e das comisións. O alcalde Miguel Paz decidiu renunciar á dedicación exclusiva co que só se estableceron dúas: unha para a socialista Sandra González e outra para a independente Marisol Villar. Miguel Paz non cobrará por exercer as súas funcións como alcalde de Noia. O rexedor renuncia a percibir un soldo das arcas públicas polo que o executivo noiés tan só contará con dúas dedicacións. Unha para a tenente alcalde e delegada de relacións veciñais, Marisol Villar, e outra será para a concelleira de Sanidade, Benestar Social, Educación e Consumo, Sandra González. A contía que percibirán cada unha será de vinte e cinco mil euros brutos. A eliminación dunha dedicación exclusiva e dos cargos de confianza do anterior mandato permite reducir nun 55 por cento o gasto. Na sesión aprobouse tamén a periodicidade dos plenos que se celebrarán o primeiro xoves de cada mes mentres que a xunta de goberno reunirase dúas veces ó mes. Se ben todos estes puntos estiveron exentos de polémica non aconteceu o mesmo coa proposta de composición e retribucións polas asistencias ás comisións informativas. O grupo de goberno propuxo seis comisións integradas por catro representantes do PP, dous do PSOE, un da Marea, un do N.O.I.A. e un do BNG, en base a criterios de proporcionalidade. En canto ás retribucións, tras un receso de preto dunha hora os grupos, a excepción de Marea, acordaron unha contía de sesenta euros por asistencia ós órganos a excepción da do pleno que sería de cen. A Marea Cidadá opúxose xa que na súa proposta apostaban porque as comisión estivesen integradas por un só representante de cada grupo e cunha asignación de cincuenta euros, independentemente do órgano.