Mellorarase o subministro de auga do río Umia e construirase unha nova depuradora

    CAMBADOS > O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, reuniuse este mediodía cos alcaldes dos diferentes concellos que se asentan nas beiras do río Umia. Nesta xuntanza , celebrada na casa consistorial de Cambados, falouse das diferentes accións desenvoltas no Umia dende o accidente de Brenntag. Pola súa parte os alcaldes, o presidente da Comarca do Salnés, Jorge Domínguez, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, pediron que se solucionasen os dous problemas importantes que sufre o río: o subministro de auga e a depuración das augas.

    reunion_por_umia_300_040907_-_still_001.jpgAnte estas peticións o conselleiro fixo mención a tódalas iniciativas que se puxeron en marcha dende Medio Ambiente dende o accidente de Brenntag coma a construcción da depuradora de Caldas de Reis ou o saneamento do río o seu paso por diferentes localidades. Manuel Vázquez tamén puxo sobre a mesa os novos proxectos da consellería, a construcción dunha depuradora en Ribadumia, un paseo fluvial dende Caldas ate Ponte Arnelas e a mellora das estacións de tratamento de auga potable de Vilagarcía e da Mancomunidade do Salnés que contan cun presuposto de máis de 11.000.000 euros. O conselleiro tampouco se esqueceu dos vertidos derivados das diferentes empresas localizadas nas beiras do Umia e afirmou que se realizará un seguimento para controlar que estas cumpran a lei e non vertan residuos tóxicos no río.

    reunion_por_umia_300_040907_-_still_002.jpgDende os concellos tamén pediron que a consellería interveña na creación dunha nova tubaxe dende Baión en Vilanova ,coma a xa creada para a emerxencia de Brenntag, para asegurar así un abastecemento de auga en caso de repetirse unha catástrofe similar. Nembargantes, Vázquez afirmou que dende a consellería non se dispón dun presuposto necesario para esta inversión. Ante isto os alcaldes comprometéronse a colaborar nos gastos de sacarse este proxecto adiante.

    A próxima reunión será o día 4 de outubro na que se porán na mesa tódolos proxectos que se realizarán no Umia e decidirán cales son os máis necesarios a curto prazo para incluílos nos presupostos de Medio Ambiente de 2008.

    Redacción Salnés