O BNG da Pobra solicita a insubmisión ó TTIP

    POBRA> Os nacionalistas consideran que o Acordo Trasatlántico de Comercio e Investimento que negocian a Unión Europea e Estados Unidos compromete o futuro dos pobos coa creación dun mercado único, achegando o modelo europeo ó estadounidense. A través dunha moción que levarán ó vindeiro pleno, o BNG da Pobra demandará o apoio da corporación municipal para que o concello se declare contrario ó tratado trasatlántico de comercio e investimento que están a negociar a Unión Europea e Estados Unidos. Segundo os nacionalistas o acordo persegue a liberalización total dos servizos públicos e a apertura de prestación destes ás grandes empresas trasnacionais. Un feito que segundo os membros da formación frentista pon en perigo a tódolos servizos públicos. Por esta razón pretenden que o concello se declare insubmiso e libre do TTIP, defendendo os servizos públicos básicos para a solidariedade e a redistribución social, se solicite ó Ministerio de Economía a suspensión das negociacións e se faga pública toda a documentación relacionada con este tratado.