Sanidade decreta o peche perimetral de Boiro

BOIRO> Tal e como cabía esperar, debido ó aumento do número de contaxios nas últimas semanas, a consellería de Sanidade decidiu, na xuntanza do subcomité clínico de expertos que fai o seguimento á evolución da covid, incorporar hoxe a Boiro á listaxe de dezasete concellos con restricións máximas.

Boiro convértese así no primeiro municipio das comarcas do Barbanza, Muros e Noia que se sitúa no nivel máximo de restricións, no que estivo a piques de entrar tamén Ribeira a pasada semana, pero que finalmente non chegou a producirse.

Dende esta medianoite quedan prohibidas as entradas e saídas no municipio a non ser por unha causa xustificada. A hostalería tamén estará pechada. Só poderán abrir as terrazas, cunha capacidade máxima do 50% e ata as cinco da tarde.

A consellería de Sanidade informou tamén da realización dun cribado masivo entre o sector hostaleiro da localidade para intentar detectar posibles casos asintomáticos e frear máis aínda a expansión do virus.

Dende o Concello solicitouse a máxima colaboración da veciñanza para asistir á realización das probas co obxectivo de frear a expansión do virus.

Ademais esta mañá o goberno local pediu tamén colaboración á Subdelegación do Goberno para que o exercito participase nas tarefas de limpeza e desinfección das rúas.

Tamén se solicitou o incremento dos efectivos policiais para realizar un maior control da poboación estes días.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí