O BNG insta ó executivo a garantir o bo estado do Areal

    praiaareal_100_040907.jpgPOBRA > O BNG da Pobra vén de denunciar o mal estado en que se atopa a praia do Areal e o seu paseo marítimo, situado no centro urbano da vila.

    Dada a importancia do Areal, como única praia urbana do concello da Pobra, o grupo municipal do BNG quere chamar a atención sobre as agresións medioambientais que está a sufrir e o deterioro dos seus servizos.

    Pouca seguridade

    praiaareal_200_040907.jpgAs principais denuncias dos nacionalistas refírense á falla de sistemas de seguridade, como postos de socorro ou boias que limiten o acceso das embarcacións á zona de baño. Tamén a existencia dun emisario situado á altura do comezo da praia que se atopa ó descuberto e que, segundo denuncian, non reúne as condicións de salubridade e seguridade que deberan existir nun lugar tan concurrido.

    Os servizos, segundo os nacionalistas, tampouco están á altura con duchas escasas e deterioradas, accesos inseguros e non adaptados ás persoas con discapacidade. Os nacionalistas insisten ademais en que, a pesar de que existe un cartel indicativo do servizo de recollida selectiva do lixo, este se limita a tres parellas de contedores con mínima capacidade e concentrados nunha soa zona.

     

    Por todas estas razóns, dende o BNG instan ó executivo a realizar as actuacións necesarias para corrixir todas estas deficiencias posto que son facilmente subsanables e non requiren grandes investimentos.

    Redacción Barbanza