![]()
POBRA > O BNG denuncia o alto endebedamento do concello motivado pola ‘falla de previsión’ na política económica do goberno municipal.
O negativo balance que amosa o resultado das contas correspondentes ó exercicio de 2006 motivou críticas moi duras por parte do BNG pobrés que, unha vez máis, insiste en calificar de ‘nefasta’ a política económica desenvolvida polo executivo local nos últimos anos.
Segundo os datos feitos públicos pola voceira nacionalista, Rosana Pérez, o resultado orzamentario de 2006, equivalente á diferencia entre gastos e ingresos, sitúase en 503 mil euros en negativo mentres que o aforro neto acada os 311 mil euros en negativo.
Os nacionalistas tamén chaman a atención sobre a escasa liquidez das arcas municipais a curto prazo, cun remanente de tesourería de 1.699.000 euros en negativo.
Pleno extraordinario
O BNG lembra que o departamento de intervención leva anos advertindo ó goberno da necesidade de corrixi-lo déficit, a través de tres posibles mecanismos que establece a lei: a convocatoria dun pleno para reduci-lo gasto no orzamento pola contía do déficit, a contratación dunha operación de crédito (que na actualidade sería inasumible para o concello pobrés), ou ben aprobar os orzamentos de 2008 cun superávit igual ó déficit. De non adoptar ningunha destas medidas para subsana-lo estado das arcas municipais, os nacionalistas non descartan convocar un pleno extraordinario.
A voceira nacionalista aportou tamén outros datos significativos como a débeda cos acreedores, de 1.224.900 euros, ou con entidades bancarias, de máis de catro millóns de euros.
Plan de saneamento
Ante as críticas formuladas polo principal grupo da oposición, o alcalde, Isaac Maceiras, explicou que boa parte da débeda acumulada durante o pasado exercicio foi destinada á posta en marcha do centro de atención a discapacidade polo que, unha vez se fagan efectivos os fondos Proder, o concello disporá de maior liquidez.
Ademais, explicou que a intención do executivo é elaborar un plan de saneamento económico, unha vez sexa aprobado de forma definitiva ó PXOM. O rexedor local informou tamén de que o estado das contas será levado a pleno o vindeiro día dez e lembrou ós nacionalistas que o actual nivel de endebedamento do concello é inferior ó rexistrado durante o goberno do BNG.
Redacción Barbanza








