A Deputación da Coruña investirá preto de oitocentos mil euros en Porto do Son

PORTO DO SON> A Deputación da Coruña investirá preto de oitocentos mil euros en Porto do Son, con cargo ó Plan Único de 2018 e 2019. Ademais de mellorar diversas rúas, o investimento dotará de saneamento a varios núcleos rurais da parroquia de Caamaño.

Unha das actuacións máis cuantiosas, de preto de douscentos cincuenta mil euros, irá destinada ó acondicionamento da rúa Outeiro Baixo. Ademais da renovación do firme, moi deteriorado polas obras que se executaron na zona, solucionaranse os problemas de accesibilidade e as deficiencias nas redes de saneamento e abastecemento. Co fin de humanizar a zona, procederase tamén a delimitar as zonas peonís, instalar novo alumeado e a creación de zonas verdes.

Unha actuación similar executarase na ría Horta das Romeras cunha achega da Deputación de cento oitenta e cinco mil euros, dos douscentos trinta e nove mil ós que ascende o proxecto.

A Deputación investirá tamén oitenta e novel mil euros nas obras de humanización do entorno do coñecido coma cruceiro dos Milagres, na parroquia de Baroña. Trátase dun Ben de Interese Cultural polo que se creará unha área de esparexemento dotado con mobiliario urbano e zonas verdes.

En materia de saneamento, destinaranse máis de cento oitenta mil euros á instalación de colectores, execución de pozos de rexistros e acometidas ás vivendas en varios núcleos rurais da parroquia de Caamaño. Tódalas actuacións están en fase de licitación trala publicación do anuncio na plataforma de contratación do estado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí