PORTO DO SON> Un mariñeiro de Noia falecía esta madrugada tras encallar o cerqueiro Divina del Mar na costa de Porto do Son. Os demais tripulantes conseguiron chegar a terra; algúns polos seus propios medios e outros coa axuda das embarcacións que se atopaban na zona.
Preto das cinco da mañá, o cerqueiro Divina del Mar encallaba nesta zona rochosa ó carón do Castro de Baroña. A embarcación, que voltaba cargada de peixe tras pasar a noite faenando en augas de Fisterra, levaba a bordo nove tripulantes.
O falecido é José Manuel Castelo Gundín, de corenta e oito anos. Segundo relataron os seus compañeiros, tras producirse o accidente tirouse pola borda sen chaleco impactando contra o fondo rochoso. O concello de Noia, onde residía decretou u día de loito oficial.
O resto de tripulantes foron trasladados ó hospital do Barbanza aínda que se atopan en bo estado. Cinco deles foron rescatados por embarcacións que traballaban na zona mentres que outros tres chegaron a terra polo seu propio pé. Á espera de determinar as causas do accidente, as tarefas céntranse agora en reflotar a embarcación.
Esta nova traxedia no mar prodúcese case un ano despois do naufraxio do Sin Querer 2 nas inmediacións desta zona que se cobrou tres falecidos e un desaparecido.