A subdelegación do Goberno extremará a vixiancia para evitar represalias polo crime de Vilanova

    SALNÉS > Así o anunciou hoxe o subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, quen pediu ‘tranquilidade’ ós amigos de Cristian Willisch para evitar novas traxedias. Por outra banda Antonio Pouso, ‘O Cuco’ pasou xa a súa primeira noite en prisión, mentres que os seus compañeiros, tamén implicados no asasinato de Cristian Willisch, puideron durmir fora do cárcere ó quedar en liberdade con cargos. Os tres serán xulgados por un xurado popular en Pontevedra.

    asasinato_200_110907_-_still_005.jpgA pesares de quedar en liberdade, os dous acusados xunto con Antonio Pouso tiveron que saír onte escoltados pola Garda Civil para evitar que os linchase a multitude concentrada durante todo o día nos xulgados de Vilagarcía. Sen embargo tanto Abraham Rey como Roberto Millán terán que acudir ó xuízo que se celebrará en Pontevedra e con xurado popular. Anque antes a titular do Xulgado número 2 de Vilagarcía chamará a varios xóvenes da Illa que acompañaban a Cristian para tratar de esclarecer o que pasou esa noite.

    Segundo a primeira versión, os xóvenes comezaron unha pelexa nesta discoteca de Vilanova na que tivo que intervir a Garda Civil que incluso lles sacou unha escopeta de balíns. Pero horas despois as dúas pandillas volveron atoparse no bar Troula onde de novo comezaron unha pelexa. Segundo a declaración dos acusados, Cristian, o falecido, só interviu separando ó Cuco, dun amigo seu co que estaba pelexándose. Pero éste, no intento de quedar libre para segui-la pelexa, agrediuno co coitelo que dan no bar para toma-los xenerosos bocadillos que sirven. Cristian morreu practicamente no acto sendo enterrado o domingo nunha multitudinaria cerimonia na que se fixo evidente a indignación popular. subdelegadogoberno_200_120907_-_still_001.jpg

    Indignación que levou hoxe á Subdelegación do Goberno a afirmar que se extremará a seguridade e a vixiancia os vindeiros días nesta zona para evitar novos enfrontamentos. Delfín Fernández pediu ‘tranquilidade’ anque dixo ‘entender’ o enfado dos familiares e amigos do falecido. As ameazas continúan e son moitos os que xuran vinga-la morte de Cristian, especialmente trala saída en liberdade de Abraham Rey e Roberto Millán.

    Redacción Salnés