![]()
VILAGARCÍA > Coincidindo coa volta ó cole a alcaldesa de Vilagarcía, Dolores García, e Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, …
… fixeron unha visita institucional a diferentes colexios acompañados polos edís de educación e os directores dos centros.
No colexio vilagarcián do Piñeiriño comezaron as clases esta mañá coa visita da alcaldesa Dolores García. A alcaldesa percorreu todo o colexio acompañada por Miro Sevén, o director do centro, e polos centos de rapaces que hoxe comezaban as clases.
Dolores García só tivo boas palabras para o colexio do Piñeiriño ó ver as instalacións e as actividades coas que conta: dende a educación en coidado de animais e medio ambiente ou a iniciativa de formar ós cativos nas labores do fogar na aula de igualdade ate as labores manuais que decoran todo o centro e que se adican a personaxes representativos coma pintores ou escritores.
A alcaldesa tamén aproveitou a visita a este centro para lembrar que unha das intencións do concello é converter a Vilagarcía nunha ‘cidade educadora’. A alcaldesa de Vilagarcía rematou a visita cunha dedicatoria no libro de firmas do colexio onde no seu día firmara Enrique León, antes da súa dimisión.
Colexios en obras:
Outro alcalde cuxa visita coincidiu tamén coa volta ó cole foi o de Pontevedra. Nembargantes neste caso Fernández Lores acompañado da concelleira de educación, Margarita Castejón, visitou esta mañá o Colexio de Santo André de Xeve por motivo do comezo dunhas obras. Un centro que pese comezar o curso aínda está pendente de reformas. Este non é o único caso pois os colexios ‘Ana María Diéguez’ de Rianxo, a Escola de Educación Infantil de Pontecesures e o Centro de Educación Especial de Vilagarcía non puideron comezar hoxe as clases devido a diferentes reformas e obras.
Redacción Salnés






