Telmo Martín propón potenciar a gastronomía, a natureza e o patrimonio de Sanxenxo

SANXENXO> Telmo Martín quere reforzar a gastronomía e a protección á natureza e ao patrimonio da vila en caso de saír reelixido. Entre as súas promesas destacan a construción dun centro gastronómico das Rías Baixas, a musealización do Castro da Lanzada e a humanización de Vilalonga.

O alcalde de Sanxenxo organizou esta mañá un encontro con empresarios da vila para adiantar algunha das propostas do que será o seu programa electoral. Tras 6 anos liderando o concello, Telmo Martín sinala os novos obxectivos que terá por diante no caso de saír reelixido. As súas propostas pasan por potenciar a gastronomía, a natureza e o patrimonio así como mellorar ás rúas e os servizos da vila.

Estas propostas inclúen a creación dun centro gastronómico das Rías Baixas no Pazo de Quintáns, un centro de hostalería e turismo no antigo colexio de Vilalonga e a renovación do mercado de Sanxenxo. En canto a conservación e posta en valor do patrimonio cultural e natural, Telmo Martín propón musealizar e poñer en valor a contorna da Torre da Lanzada e recuperar o litoral da vila na ría de Arousa. En canto a infraestruturas destaca a humanización do centro de Vilalonga, a reorganización do espazo portuario de Portonovo e ás reforma do porto deportivo de Sanxenxo e do colexio Florida. Proxectos que algúns xa están en marcha ou proxectados e que o presidente de PPdeG pon en valor destacando ao seu candidato na vila.

Ademais destes proxectos, a vila xa pechou dous acordos para os vindeiros anos: Un convenio con Poio para a explotación e execución de actuacións de saneamento e depuradora cun orzamento de 17 millóns de euros, e a adxudicación do servizo da auga na vila a Espina e Delfín, que conta cun compromiso por parte da empresa de desenvolver en Sanxenxo diferentes actuacións cuns investimentos que superan os 11 millóns de euros.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí