POBRA> Na súa política de mellora da recollida selectiva, o executivo da Pobra vén de suscribir un convenio coa empresa ‘Procesadora Galega de Alimentos’ para a recollida e xestión do aceite usado. Con este fin xa se habilitaron dez contedores, sete no casco urbano e tres rural, onde depositar o aceite de cociña sobrante. O depósito realizarase en botellas pechadas para facilitar a recollida deste aceite que posteriormente será trasladado a unha empresa de reciclaxe para a súa conversión en biodiesel. O concello pretende así incrementar a taxa de reciclaxe de aceite, unha práctica moi estendida na industria pero aínda sen implantar no ámbito doméstico. O vertido de aceites á rede supón un incremento do custo da depuración das augas así como importantes problemas medioambientais. Ademais da colocación dos contedores, o concello está a desenvolver campañas de sensibilización cidadá sobre a recollida selectiva.
Inicio BARBANZA