Aguiño contará cunha escola infantil para atender a alta demanda de prazas

RIBEIRA> O concello de Ribeira contará cunha segunda escola infantil. Estará situada en Aguiño e inicialmente contará con 41 prazas. O obxectivo é dar cobertura á alta demanda de solicitudes que quedaron en lista de agarda.

A Consellería de Política Social financiará a posta en marcha dunha segunda escola infantil pública en Ribeira. Á espera de concretar onde se emprazarán as futuras instalacións, o novo centro estará situado en Aguiño e contará con 41 prazas para nenos de 0 a 3 anos.

Este novo servizo virá complementar a actual escola infantil municipal con 170 prazas e que actualmente ten lista de agarda ante o incremento das solicitudes dende que a Xunta estableceu a gratuidade da educación infantil. Política Social destinará 240 mil euros para acondicionar as instalacións.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí