![]()
RIBADUMIA > Paulino Otero, David Maquieira e Lidia Martínez son actualmente as estrelas do club náutico O Muíño.
A alcaldesa de Ribadumia e o concelleiro de Deportes recibiron hoxe ós tres piragüistas do club local, O Muíño, que conseguiron esta tempada un envexoso palmarés.
Lidia Martínez foi medalla de prata na Copa do Mundo de Maratón K2 junior coa selección española, ademais de quedar campiona na Baixada do Umia e subcampiona na do Eume, no Descenso do Miño e na Travesía Ría de Foz. Paulino Otero Otero formou parte do Centro Nacional de Tecnificación en Trasona, Asturias e destaca no seu palmarés o campionato da Copa de España de Pista 500 metros en K1 cadete e o bronce en K2. Tamén gañou a Copa de España de Maratón en K2 cadete, a Baixada do Umia e o Descenso Internacional Río Miño. E David Maquieira estivo este ano becado pola Xunta no Centro de Tecnificación de Pontevedra. Ademais gañou, entroutros a Baixada do Umia, a Travesía Ría de Betanzos e a Baixada do Miño en C2 e a Copa de España de 200 metros en C1 e C2 junior.
Por tódolos seus éxitos recibiron hoxe o recoñecemento do goberno local e tamén dos seus compañeiros de club ós que a directiva e o adestrador lles pediu un esforzo o vindeiro ano para que en vez de tres, a homenaxe en 2008 sexa a moitos máis piragüistas de Ribadumia.
Redacción Salnés









