![]()
SANXENXO > Así llo comunicou a delegada de Política territorial, Obras Públicas e Transportes á alcaldesa, Catalina González.
A delegada, Isabel Domínguez, asegurou que non se farán cargo xa que a lei contempla claramente que son os propietarios do Solo Urbanizable 15 os que teñen que asumir o custo desta obra. No borrador de convenio que a Xunta fixo chegar ao Concello de Sanxenxo o mes pasado, a administración autonómica esixía que fose a local a que pagase a expropiación dos terreos adicionais e o importe íntegro das obras de enlace, sendo o beneficio da explotación para a empresa que está facendo o desdobramento da Vía Rápida. Sen embargo a alcaldesa, Catalina González, asegura que esto é inasumible para o concello, xa que se trata dun trato discriminatorio con respecto ó desenvolvemento doutros Parques Empresariais que fai a Xunta e que se pagan con cartos de tódolos galegos.
O desenvolvemento do Parque Empresarial garante as conexións na marxe da autovía que lle corresponde, e puxo a disposición da Xunta máis de 22.000 metros cadrados de terreos para facilitar o desdobramento, tendo que asumir a consellería tan só a parte do enlace que corresponde á propia autovía. A alcaldesa xa se reuniu cos responsables da xunta de Compensación do Parque Empresarial para achegarlles a decisión da Xunta e coordinar posibles accións que permitan face-la infraestrutura.
O concello de Sanxenxo quere pedi-lo apoio dos colectivos veciñais para reclamarlle á Xunta o enlace da Vía Rápida co Parque Empresarial. un enlace que, segundo a alcadesa non só daría servizo ó polígono senón que uniría a futura autovía con Vilalonga absorvendo tráfico pesado e permitindo a transformación da PO-504 en vía urbana. Catalina reunirase cos colectivos afectados para pedirlles o seu apoio á hora de defender un novo convenio ante a Xunta.
Redacción Salnés









