Vilanova de Arousa participa no programa ‘Patrimonio no Medio’

    patrimoniocultural_100_180907_-_still_001.jpgPONTEVEDRA > A Xunta e a Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común organizaron unhas xornadas que comezan en Forcarei.

    Responsables de Cultura e Medio Rural presentaron hoxe en Pontevedra o programa `Patrimonio no medio´, que pretende promover o patrimonio arqueolóxico e paisaxístico dos concellos pontevedreses de Forcarei, Tomiño, Lalín, Ponte-Caldelas e Vilanova de Arousa. Ó acto tamén asistiron o xefe de servizo de Patrimonio Cultural, Xulio Carballo Arceo, e o presidente da Organización Galega de Montes Veciñais en Man Común, Xosé Alfredo Pereira Martínez.

    O programa ofrece unha serie de charlas e visitas en cada un destes concellos, que perseguen a sensibilización e a defensa da conservación da natureza e do noso patrimonio cultural. As charlas están concibidas como unha exposición didáctica dun tema relacionado co patrimonio arqueolóxico e etnográfico da zona escollida, mentres que os percorridos complementan o achegamento ao patrimonio histórico combinando deporte e cultura. Están ideados cun trazado lineal ou circular de aproximadamente 5 km e sobre 3 horas de duración. A ruta dos mesmos pasará por distintos bens culturais e puntos de atractivo paisaxístico e ambiental, e estarán guiados por unha persoa especialista e coñecedora da zona.

    Calendario

    O programa dará comezo o vindeiro venres 21 de setembro na parroquia de Millarada, en Forcarei, cunha charla a cargo do historiador Camilo Fernández Cortizo, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, que terá lugar ás 20:00 horas no Centro Social do concello.

    O domingo 23 ás 10:00 horas partirá o percorrido desde Soutelo de Montes, que será guiado pola arqueóloga Dolores Gil Agra. ‘Patrimonio no medio’ proseguirá no concello de Lalín, o 28 de setembro, onde a etnógrafa Begoña Bas López ofrecerá un coloquio no teleclub de Zobra, ás 20:30 horas.

    O domingo 30 sairá de Vilatuxe, ás 10:00 horas da mañá, un percorrido guiado polo técnico ambiental Florentino Fernández Amaro. Os días 5 e 7 de outubro o programa chegará a Ponte-Caldelas, cunha charla impartida polo etnógrafo Buenaventura Aparicio Casado, o venres ás 20:00 horas na Casa da Cultura do concello. O percorrido sairá o domingo ás 10:00 horas, da capela do Pilar, en Parada.

    O concello de Tomiño acollerá estas xornadas os días 12 e 14 de setembro, cun relatorio na Casa Social de Santa María de Tebra, ás 20.00 horas, ao cargo do arqueólogo Juan José Perles Fontao; e un percorrido o domingo, con saída ás 10.00 horas desde o Alto do Couso.

    O programa nestes cinco concellos pontevedreses rematará en Vilanova de Arousa, os días 19 e 20 de outubro. A profesora Beatriz Comendador Rey, da Universidade de Vigo, estará ao cargo do coloquio do venres, que terá lugar ás 20:00 horas no Centro Cultural de O Cruceiro-András. Finalmente, o domingo ás 10.00 horas da mañá partirá un roteiro desde o aparcadoiro do monte Lobeira, guiado polo arqueólogo Vicente Caramés Moreira. ‘Patrimonio no medio’ pretende a través destas charlas e percorridos divulgar a existencia do patrimonio arqueolóxico entre a veciñanza destes concellos e o pobo, en xeral, como unha forma de o pór en valor e de preservalo para o futuro.

    Redacción Salnés