As actividades deportivas para adultos de Vilagarcía son todo un éxito

    ioga_100_190907_-_still_001.jpgVILAGARCÍA> As actividades deportivas para adultos ofertadas pola Fundación de Deportes de Vilagarcía contan xa con 682 prazas cubertas.

    A falta dunha semana do remato do prazo de inscricións os cursos máis demandados son o de ximnasia de mantemento, piscina e tai chi.

    A algo mais dunha semana do remate do prazo de inscrición as actividades deportivas para adultos ofertadas pola Fundación de Deportes para a tempada 2007-2008 son todo un éxito. Polo momento hai 337 persoas inscritas das cales moitas se anotaron en dúas ou tres actividades distintas, de aí que o número de prazas cubertas ascenda a 682. Ximnasia de mantemento, piscina e tai-chi son polo momento as mais demandadas, nembargantes cubríronse tamén prazas en ioga, aerobic e bádminton.

    Os interesados en anotarse a estas actividades deben acudir ate a Fundación de Deportes situada na entreplanta do concello de Vilagarcía antes do 27 deste mes. Outro xeito de participar nestas actividades deportivas é solicitando o carné da Fundación. Estes carnés permiten ós titulares asistir durante todo o ano ás actividades deportivas organizadas pola Fundación, tanto na tempada de inverno coma na de verán. Este documento ten ademais diferentes modalidades. Pode ser familiar, por un custe de 60 euros; para xóvenes, xubilados, parados ou pensionistas, por 30 euros, ou individual por 45.

    Redacción Salnés