En Ribadumia 12 mulleres formaranse como axudantes de cociña

    curso_axudante_cocia_100_200907_-_still_001.jpgRIBADUMIA> En Ribadumia 12 mulleres formaranse como axudantes de cociña a través do Programa ‘Berenguela’.

    Este curso de formación laboral do proxecto europeo ‘Berenguela’ foi presentado esta mañá pola concelleira de Cultura, Lidia Álvarez, as responsables locais do programa e a mestra que impartirá as clases.

    O curso de axudante de cociña que se impartirá en Ribadumia dende o 1 de outubro será o derradeiro curso de formación laboral para mulleres do Programa europeo ‘Berenguela’. As clases inícianse o vindeiro mes e terán unha duración de 390 horas e a finalidade principal da inserción laboral.

    Elena Argüelles será a profesora do curso. Esta cociñeira pontevedresa de longa experiencia será a encargada de ensinar ás alumnas os segredos e as nocións básicas das axudantes de cociña dende as nove e media da mañá ate a unha e media da tarde. Un horario de mañá no que as 12 alumnas recibirán clases teóricas e prácticas na sede social da Asociación de Mulleres Rurais Umia.

    Con este curso remata o programa ‘Berenguela’, un proxecto europeo destinado á inclusión sociolaboral de mulleres con cargas familiares que se leva impartindo nos concellos de Ribadumia e Ourense dende febreiro de 2005.

    Redacción Salnés