Continúan as tarefas de supervisión do incendio de Impex Europa

VILAGARCÍA> Dous días despois os equipos de extinción seguen controlando a nave de Impex Europa que se incendiou o sábado en Vilagarcía. Esta mañá as probas de calor detectaron un punto con alta temperatura e os servizos de bombeiros  humedeceron a zona.

Todo parece indicar que foi un curtocircuíto o que provocou o incendio da nave de Impex Europa no polígono industrial de Trabanca – Badiña, aínda que os medios de extinción prefiren ser cautos e esperar ó informe científico. Os produtos da empresa e os palés de madeira propiciaron que o lume se propagase con rapidez. En só dúas horas o almacén estaba envolto en chamas.

Os servizos de emerxencia chegaron ó lugar do incendio sobre as 11:15 e tiveron que empregarse a fondo para poder controlalo. Por precaución optouse por desaloxar a empresa Pereira e dúas casas veciñas.

Nas tarefas de extinción participaron 19 efectivos e cinco vehículos de Protección Civil de Vilagarcía e dúas dotacións de Bombeiros. O lume foi controlado preto das dúas da tarde.