O BNG denuncia o mal estado de camiños e inmobles no Castelo

    camiocastelo_100_200907.jpgPOBRA > O BNG da Pobra levará a pleno unha moción relativa ó mal estado dalguns camiños no casco histórico do concello, no barrio do Castelo.

    O núcleo do Castelo constitúe un dos barrios mariñeiros máis antigos e emblemáticos da Pobra. Lonxe de conservar e poñer en valor a zona, o BNG denuncia o ‘lamentable estado’ en que se atopan algunhas infraestruturas por mor do desinterese do goberno municipal.

    Principalmente, os nacionalistas queren chamar a atención sobre dous camiños que conectan a rúa tetúan coas proximidades da capela da Virxe do monte. Estes viais, antes moi utilizados polos veciños atópanse agora nun total estado de abandono, invadidos pola maleza e residuos de todo tipo e se ningún tipo de mantemento, o que os fai practicamente intransitables.

    Edificacións en ruínas

    edificioaduanacastelo_200_200907.jpgO estado ruinoso dalgúns edifcios tamén constitúe unha preocupación para os nacionalistas que destacan concretamente dous inmobles: o anexo á finca do Pazo do Couto que, segundo denuncian, tense convertido nun foco de infeccións e o antigo edificio de aduanas, para o que solicitan unha reforma integral que eprmita darlles novos usos.

    A pesar de que o executivo municipal xa ten en marcha un proxecto de remodelación para a zona do Castelo, dende o BNG insisten en que se trata dunha actuación superficial, que non contempla o arranxo destas infraestruturas.

    Actuación integral

    Pola contra, dende o goberno municipal sosteñen que a actuación prevista para o Castelo, presupostada en preto de 200 mil euros, contempla tamén a mellora da zona de arriba onde se inclúen estes camiños e inmobles.

    O alcalde, Isaac Maceiras, destacou a importancia deste proxecto que contribuirá a acondicionar totalmente o barrio con redes de saneamento, auga, sumidoiros e acabado en pedra.

    Segundo o rexedor local, as denuncias do BNG teñen como único obxectivo difamar e calumniar ó executivo co fin de anotarse o tanto dunha obra impulsada polo goberno municipal.