VILAGARCÍA> A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa carga contra a posibilidade de que os fangos da dragaxe do Lérez rematen a escasas millas de Sálvora. O colectivo di que as localizacións que se están a estudar para esas verteduras son letais, porque as correntes arrastran os sedimentos de menor tamaño e máis contaminados cara o interior da ría. Como alternativa, dende a PDRA propoñen outra zona cunha profundidade de 150 metros para depositar residuos. Iso si, só os que proveñan da ría de Arousa e sempre e cando non sexan contaminantes.
A ría de Arousa enfróntase a unha nova amezada que pode impactar de cheo sobre a súa riqueza e biodiversidade. Coa dragaxe do Lérez no punto de mira, o punto de vertido de Sálvora, a zona E/8, podería acabar acollendo eses lodos. Unha opción que preocupa á Plataforma en Defensa da Ría de Arousa que considera, baseándose en informes, que tanto esa localización como a alternativa que se estuda, a zona E, non son apropiadas.
E como mostra de que esas zonas non son as adecuadas, alertan de que do total do que alí se verteu só segue depositado pouco máis do 53% dos residuos.
E aínda que consideran que o ideal sería tratar eses residuos en terra, propoñen unha alternativa na zona A.
Iso si, demandan que alí só se vertan os residuos que proveñan da ría de Arousa.
Ademais, piden que os residuos contaminantes non se depositen no mar, senón que sexan inmobilizados en terra.











