Sanidade executará en breve as obras de mellora no hospital do Barbanza

    hallhospitalbarbanza_100_250907.jpgBARBANZA > O Servizo Galego de Saúde investirá preto dos dous millóns de euros en obras de reforma e mellora no Hospital do Barbanza.

    O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da contratación de obras de reforma no Hospital da Barbanza. O proxecto contempla diversas actuacións, como é o caso da climatización de toda a área de hospitalización, no terceiro andar do centro. Ademais acondicionaranse catro habitacións para illados seguindo as recomendacións da norma ISO de calidade. Neste mesmo andar de hospitalización acometerase tamén a substitución das actuais portas para modificar a súa anchura e adecuala á normativa de protección contra lumes. Así, estas pasarán de ter un metro de ancho a 1.20. As reformas permitirán tamén habilitar nun novo espazo o arquivo de historias clínicas, establecido ata o momento en catro salas diferentes. Deste xeito reubicaranse preto de cen mil historias clínicas nun único local que estará adecuado ó regulamento de instalacións de protección contra lumes e dotado dun sistema de extinción rápida con rociadores automáticos. As obras terán un prazo de execución de aproximadamente dez meses.

    Redacción Barbanza