A Xunta habilitará tres novas sendas peonís na AC-550 ó seu paso por Portosín

PORTO DO SON> A Xunta habilitará tres sendas peonís na estrada AC-550 ó seu paso polo termo municipal de Porto do Son.  Así o anunciou a Conselleira de Vivenda e Infraestruturas na visita realizada esta mañá á zona de Mariño, onde se acometerá unha das actuacións. O investimento total será de millón e medio de euros.

A Xunta de Galicia investirá preto de millón e medio de euros nas tres novas sendas peonís que se habilitarán na estrada Ac-550 ó seu paso por Porto do Son.

Os tres itinerarios suman un percorrido de 2’8 quilómetros. O primeiro treito discorrerá entre Linteiros e A Gafa, o segundo do Alto de Olveira a Cadeiras e por último habilitarase unha senda entre Cans e Quintáns. Todas elas conectarán con outros tramos da estrada que xa contan con beirarrúas co que se garantirá a seguridade nun itinerario peonil duns seis quilómetros de lonxitude.

As actuacións enmárcanse nunha nova fase do Plan de Sendas de Galicia no que a Xunta leva habilitado preto de 300 kms accesibles para peóns e ciclistas en toda Galicia. O alcalde de Porto do Son aproveitou a presenza da Conselleira para trasladarlle outras necesidades do municipio como a mellora da seguridade viaria no acceso ó futuro colexio de Portosín ou o futuro parque empresarial.

Luís Oujo tamén lle transmitiu á Conselleira a necesidade de construír vivendas sociais que poderían emprazarse no inmoble do Outeiro que vén de ser adquirido polo concello.