MUROS-NOIA > Con mellores capturas e peores prezos que o pasado ano, comezou a campaña do berberecho na ría de Muros e Noia.
A pesar deste bo arranque, os bancos pode que se teñan que volver pechar a partir de mañá, xa que o berberecho está ovado e non ten a calidade óptima que as fábricas de conservas, principais compradoras, solicitan.
Prezo baixo
A un prezo medio de oito euros con setenta vendíase hoxe o berberecho de primeira categoría en Noia, prezo bastante baixo se o comparamos cos dez euros de media cos que o ano pasado abría a campaña. Pola contra as capturas están sendo moi boas, case todos os mariscadores están collendo o cupo máximo, pero os dous euros por debaixo con respecto ó ano pasado desmoralizan ós traballadores da ría. Esta era a opinión maioritaria entre os mariscadores que hoxe levaron as súas capturas á lonxa de Testal.
Posible peche
Se finalmente o peche da actividade extractora se produce, os barcos e mariscadores de a pé non sairán mañá a faenar. O cabildo tomará esta noite unha decisión nunha reunión que manterán o acabar a subasta, en función dos prezos que se acaden na rula. Moitos son os mariscadores que prefiren que se produza este peche da veda se os prezos non suben, xa que un peche temporal fai prever que suba a cotización.
Redacción Barbanza