A Festa da Charanga reabre a polémica sobre a movida en Boiro

    desculpasxerardopinheiro_26.jpg

    BOIRO > A festa da charanga celebrada o pasado venres en Boiro volveu levantar a polémica relativa ás molestias derivadas da movida nocturna.

    O feito de que o espectáculo musical, que se prolongou ata altas horas da madrugada, contase coa autorización do concello xerou un profundo malestar entre os veciños que mesmo chegaron a solicitar a dimisión do concelleiro de Cultura, Xerardo Piñeiro.

    Lonxe de achegar posturas para o consenso da ordenanza reguladora de ruídos, a festa da charanga celebrada o pasado venres en Boiro abriu un novo capítulo no enfrontamento entre veciños e concello sobre as molestias derivadas da movida nocturna.

    Todo comezou a raíz dunha proposta formulada pola charanga boiresa ‘Os Trompos das Nicras’ que, para conmemorar o seu décimo aniversario, decidiu organizar un encontro de formacións musicais. O concello acolleu de bo grao a iniciativa e autorizou a actuación dos grupos por diversas rúas do casco urbano que se estendeu ata as tres da madrugada cun concerto na praza da Mancomunidade.

    O feito de que esta actuación contara co visto bo da delegación de Cultura crispou os ánimos dos moitos veciños que esa noite non puideron concilia-lo sono ata ben entrada a madrugada. Por iso, acudiron ó concello a pedir explicacións ó edil responsable. Xerardo Piñeiro pediu desculpas, recoñecendo que se tratou dunha ‘metedura de pata’ que non se volverá repetir. 

    Pero as desculpas do concelleiro parecen non ser suficientes para os membros da Plataforma Veciñal Convivencia que mesmo chegaron a  pedi-lo seu cesamento. Pola súa banda, Xerardo Piñeiro é consciente do malestar existente e dalles a razón ós veciños pero lembra que todos están no mesmo bando, tratando de compaxinar a movida nocturna co descanso dos residentes de xeito que se minimicen as molestias derivadas desta actividade.

    No caso de volver a repetirse a ‘festa da charanga’, Piñeiro garantizou que se fará noutro horario máis razonable ou coincidindo coas festas ou a celebración do entroido.

    Redacción Barbanza