Maceiras anuncia o inminente inicio das obras de saneamento na Ribeiriña

    saneamentoribeiria_100_260907.jpgPOBRA > O vindeiro dous de outubro, os operarios de Proyecón Galicia iniciarán as obras para dotar de saneamento ó núcleo da Ribeiriña – Conchido.

    O alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, e o concelleiro de Obras, Xosé Manuel Castro, anunciaron o inminente inicio das obras do proxecto de saneamento da Ribeiriña e o Conchido.

    O dous de outubro é a data elixida para que os obreiros da empresa Proyecón Galicia S.A. comecen os traballos que se extenderán por un prazo de seis meses. O orzamento para a súa execución ascende a 588.885 euros, financiados integramente pola Consellería de Medio Ambiente. Esta actuación, longamente demandada polo executivo pobrés, permitirá dar servizo a preto de mil veciños.

    O proxecto consiste na instalación dunha rede separativa para pluviais e fecais, novas tubaxes para abastecemento de auga e os bombeos necesarios. Concretamente contempla a realización de dous bombeos de augas residuais e a actualización dun xa existente. Substituirase ademais o colector xeral á entrada da Pobra por un de maior tamaño.

    Saneamento integral

    A pesar das complicacións xurdidas inicialmente a raíz dos desniveis que presentaba a zona de actuación, os técnicos conseguiron salvar as dificultades e o saneamento será unha realidade para os veciños da Ribeiriña dentro de seis meses. Para entón, segundo informou o alcalde pobrés, estará rematado o eixo principal de saneamento Ribeiriña – Campiño e soamente quedarán algúns núcleos, principalmente na parroquia de Santa Cruz, que carezan aínda deste servizo.

    A intención do executivo é incluír moitas destas actuacións no Plan de Obras e Servizos da Deputación co fin de ter conquerido o saneamento integral do concello dentro desta lexislatura.

    Redacción Barbanza